Tras máis de seis anos realizando exclusivamente exposicións colectivas, neste 2009 o MARCO inicia unha nova liña de exposicións individuais, ben de carácter retrospectivo, ou a través de proxectos específicos, como é o caso da proposta de Santiago Sierra, que ocupará todos os espazos da planta baixa do museo.
A exposición, que se inaugura o Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo, está precedida por unha "acción laboral" aberta ao público, que se desenvolverá os días 28, 29 e 30 de abril, en horario de 8 da mañá a 11 da noite.
Santiago Sierra (Madrid, 1966) é un dos artistas máis interesantes da escena artística internacional. O seu traballo, vinculado a estruturas sociais ou políticas, pretende cuestionar as relacións de poder establecidas, tanto no ámbito artístico coma no social. Nas súas obras interroga directamente o espectador sobre os límites impostos pola sociedade actual, capitalista e globalizada, sobre temas de grande carga política e social como a explotación laboral e a marxinación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario